Saltar navegación

Colocación do pronome átono

Observa

A orde de colocación dos pronomes é a seguinte:

Primeiro vai o pronome se, logo o pronome de solidariedade, despois o complemento indirecto e por último o complemento directo.

Aprende

1º: O pronome átono non se debe confundir co pronome tónico.

Vós sabedes que non vos esquezo.

A nós non che nos deu nada

2º: O pronome átono NUNCA pode iniciar frase.

Chameite por teléfono, pero saltou o contestador.

Quedáronme dous xurelos sen vender.

Se na frase hai unha pausa (con coma na escrita ou pausa oral) o pronome debe ir despois do verbo, pois non debe comezar o enunciado: Axiña, ponte a traballar.

3º: A súa colocación normal é DESPOIS do verbo.

Iguais a eses hainos en calquera sitio.

Xoán chamoute ao móbil varias vaces.

Excepcións

--O pronome átono vai diante do verbo nos seguintes casos:

1. Nas oracións subordinadas: Dille que me chame.

2. Nas oracións interrogativas e exclamativas: ¿Canto che custou?

3. Nas oracións desiderativas: oxalá me chamen para esa película.

4. Nas oracións negativas: Non te coñezo.

5. Cando o verbo vai precedido de certos adverbios: acaso, aínda, xa, axiña, mesmo, sempre, nunca, tamén…

              e cando o verbo vai precedido por algúns indefinidos: algo, alguén, ninguén, ambos, bastante, calquera, todo, nada.

           6. Cando comeza o enunciado un elemento do predicado que habitualmente vai detrás do verbo, para focalizar a atención sobre el: Ganas me deron de marchar de alí.

Fíxate nas posibilidade de colocación cos infinitivos

Se o infinitivo é suxeito, predicado nominal ou aposto, o pronome vai despois: Fora mellor contarllo antes.

Nos outros casos o pronome pode ir antes ou despois:

É unha tolemia non llo dicir/ É unha tolemia non dicirllo.

Mesmo se pode intercalar entre o infinitivo e a preposición/conxunción que o rexe (se é o caso): Teño que dicircho/ téñocho que dicir/Teño que cho dicir.

Observa e aprende

Algúns adverbios e indefinidos esixen a anteposición do pronome. Máis doado que memorizar cales son os que esixen a proclise do pronome (é dicir, que vai diante do verbo) podes facer o seguinte razoamento: estas clases de palabras adoitan figurar no predicado despois do verbo; daquela, os enunciados nos que os adverbios ou os indefinidos van diante do verbo son enunciados enfáticos, polo que o pronome debe ir diante do verbo.

Mais, vaiamos por partes.

Esixen proclise os seguintes indefinidos:

-         Ninguén, nada e ningún (xa por seren negativos): Ninguén me axudou.

-         Algo, alguén, ambos, bastante, calquera, entrambos, mesmo e todo. (Alguén nos avisará).

-         O problema está en que algúns indefinidos, como os da serie seguinte: algún, outro, un, os máis, os demais, moito, moi, pouco, tal, tanto, tan, máis, menos e demasiado, unhas veces esixen proclise, outras non e outras depende do contexto. Poñamos de novo un pouco de lóxica e será doado distiguires cando debe haber proclise ou enclise. Observa estas oracións: Algún día hasme dar a razón/ Algún che gustará, non é?

Observa que a primeira permite unha pequena pausa entre a frase que contén o indefinido (algún día) e o verbo, polo que -como na norma xeral- o pronome vai despois do verbo. Mais a segunda non permite esa pausa e conleva unha entoación enfática, polo que esixe a proclise.  Tamén son deste tipo: Tanto che me ten/

Demasiado o sabía ela / Tan honrado che é Xan coma Pericán.

Os adverbios

Compórtanse de xeito semellante aos indefinidos:
A maioría nunca esixen proclise (De súpeto achegouse a nós).
Algúns fano por razóns de énfase (Si o teño/Si, téñoo; Mal te vexo/ véxote mal).
Outros dependen do significado: logo e agora provocan proclise cando significan “axiña”, pero non con outros significados (Agora vos atendo/ agora chámanos por orde).
En definitiva, adverbios como
acaso, aínda, xa, axiña, mesmo, sempre, nunca, tamén, case, ata, disque, eis, seica, velaí, só, ben, cedo, tarde, mal, moito, talvez, quizais…poden esixir a anteposición do pronome cando, precedendo ao verbo, están en posición enfática e non admiten pausa antes do verbo: Aínda te lembro/ Aínda me parecen poucas suspensas.

Exercicio

Xustifica a posición dos pronomes con relación ao verbo.



Arrenegaches de moza

que un bico che quixen dar,

quen che dera ao verte vella  

que eu te quixera bicar.